EDITORIAL


Ramón Area


Pierre-Simon Laplace imaxinou unha persoa que fose quen de coñecer nun intre determinado a posición e a velocidade de todas as partículas do universo. tal ser humano podería predecir con exactitude o futuro de calquera sistema dun xeito exacto e, polo tanto, o universo sería un puro determinismo. A cerna da cuestión non é que exista unha criatura así, senón que poida existir xa que indicaría que todo está escrito malia que non o coñezamos. En realidade hai que ir ao primeiro suposto de Laplace para rebatir o seu argumento: “…todos, absolutamente todos os fenómenos da natureza (incluido o comportamento humano) obedecen as leis de Newton…”.


A física deulle un par de voltas a este asunto, principalmente ao través de dúas precisións. A primeira é a Mecánica cuántica que introduce a cuestión do azar na realidade. A segunda é a teoría do caos que sinala a imposibilidade de resolver con precisión determinadas ecuacións.


As dúas saídas son moi cuestionadas e existen moitas dúbidas de que resolvan de verdade o determinismo.


Quizais teñamos que ir a unha pregunta cunha dimensión máis humana para alumar un chisco toda esta divagación: Por que lles preocupa o determinismo aos físicos?


A resposta quizáis debera de ser ben sinxela: polas mesmas razóns que aos que non somos físicos.


Laplace é con frecuencia invocado cando se fala da Theory of everything (teoría do todo), unha hipotética teoría da física teórica que explica e relaciona todos os fenómenos físicos  coñecidos (forzas gravitatorias, electromagnética, nuclear forte e nuclear débil). un dos primeiros problemas para a construcción dunha teoría do todo é que as teorías disponíbeis (por exemplo, a teoría da mecánica cuántica e a teoría da relatividade xeral).


O saber ao redor do sufrimento mental semella estar sempre no precipicio do determinismo e do reduccionismo. Na súa historia, houbo exemplos suficientes para que todos tomáramos boa nota e procurásemos non repetir erros. Porén, tal sufrimento semella colocar aos ás seres humanos que o contemplan nunha precariedade do seu entendemento que lles leva a acubillarse nunha explicación sinxela aínda que falsa e prexudicial.


A finais de outubro, logo dun tempo de moito traballo, a AGSM-AEN celebrou as primeiras xornadas deste novo tempo co título “Do que está en crise”. Acudiron moitos profesionais de todas as áreas sanitarias de Galiza, as ponencias foron do máis interesante, recibiunos o Decano da Facultade de Medicina, estivo con nós a Vicepresidenta da AEN e pechou Fernando Colina cunha fantástica conferencia de clausura. Sen embargo, o máis salientábel foi a posta en marcha dun diálogo riguroso e serio entre todos os presentes. Non son quen de reducir todo o falado a un eslógan ou a unha explicación tranquilizadora. Claro que a multidisciplinariedade é complexa, o escoitar teorías e aproximación ben distintas é complexo e… a saúde mental é complexa.


Malia os desexos de Laplace e de todos os seus seguidores instalados en consellerías, servizos de psiquiatría e ministerios varios.