O suxeito na temporalidade psiquiátrica


Ramón Area Carracedo. Psiquiatra

Hospital de Conxo. Complexo Hospitalario Universitario

de Santiago de Compostela

Correspondencia: ramon.area.carracedo@sergas.es



TEMPO DA NATUREZA E DA CULTURA


En calquera lugar do mundo podemos atopar vestixios míticos que teñen á lúa como protagonista: a ela cántanlle os bosquimanos, no seu honor comen e beben en Groenlandia, as antigas comunidades xermánicas trataban nas noites de lúa chea os asuntos máis delicados, os feiticeiros rendíanlle os seus rituais…


Pode que igual de antiga ca todos estes costumes sexa a palabra lunático ou aluado para referirse a aqueles que perderon o siso. Cando menos, coetánea á primitiva relación entre a lúa e a medición. A moon inglesa ou a grega metron derivan da raíz me que significa medida e que nos lembra que foi a lúa o primeiro instrumento universal para medir o tempo.


A lúa proporcionou unha temporalidade exacta para a sucesión do día e a noite, para a medición dos ciclos menstruais e para a duración dun embarazo (dez meses lunares). Porén, era imperfecta na construción dun calendario de estacións que predecira a chegada do frío, a neve ou a choiva. E así, os agricultores entregáronse á temporalidade do sol, do ano e das estacións. Aconteceu no Exipto que, malia carecer do interese dos gregos polas matemáticas, vivían a carón dun río, o Nilo, que determinaba a vida enteira co seu ritmo dramático.


Logo da lúa diaria, o sol anual… veu a semana que organizou a festa, o mercado, o traballo ou as proclamas públicas. Os romanos vivían nunha semana de oito días aínda que os  diferentes pobos do mundo atoparon ata quince xeitos de agrupalos en conxuntos de cinco ata dez.


O pulo cara un tempo máis diminuto xurdíu dos intentos de liberarse da tiranía do sol, isto é, poder medir o tempo na escuridade da noite. Ao reloxo de sol engadiuse o reloxo de auga empregado cando eran precisas unidades de tempo máis breves. Nos tribunais romanos repartíase o tempo entre os avogados das dúas partes mediante o baleirado dunha cunca cun burato no fondo. A clepsidra, esto é, os vinte minutos, introduciu na linguaxe expresións como aquam dare (dar auga) para indicar que se lle debía dar máis tempo a un letrado. E aquam perder (perder auga) era perder o tempo.


Aínda que podían medir o tempo na ausencia da luz, estes reloxos precisaban seren calibrados cun reloxo de sol. Para seren donos do tempo e acadar precisión, o ser humano tivo que crear unha máquina que non apareceu en Europa ata o século XIV. As horas só existen dende entón e tamén a puntualidade (lembremos a Séneca cando dicía que a puntualidade era unha virtude incerta xa que era tan imposíbel que os reloxos de Roma se puxeran de acordo como que o fixeran os seus filósofos). E se os agricultores entraron nun tempo do sol, os avogados nun tempo da auga, no tempo das horas entraron… os monxes que desexaban coñecer a hora sinalada para as súas plegarias. Os reloxos monásticos daban as horas canónicas que, dende o século VI e grazas a San Bieito foron: maitines, hora prima, hora tertia, meridies, hora nona, vísperas e completas.


Hai un cambio importante nesta nova temporalidade: os primeiros reloxos amosaban o fluxo do tempo, o movemento do sol ou da auga namentres que os aparellos mecánicos xeraban un súbito acto mecánico: o golpe dun martelo nunha campá.


Así, en toda Europa os cidadáns comezaron a falar dun tempo  de reloxo que facía mención á última hora na que escoitaran tanguer. As horas que sonaban eran esoutro tempo o´clock.


Nas viaxes por mar era relativamente sinxelo obter a medida da latitude calculando a altura do sol sobre o horizonte. Porén, a lonxitude sempre foi un problema e moitos monarcas europeos chegaron a ofrecer cuantiosos premios a quen descubrira unha solución. No manicomio debuxado por Hogarth no seu Rake progress (1736)1 podemos observar un internado tratando de resolver coa maior das seriedades o problema da lonxitude. En todo caso, esta cuestión foi a orixe dos reloxos impulsados por resortes ata que o reloxo marino de Harrison permitiu o deseño dun reloxo portátil e así toda unha nova percepción do tempo.


A historia do tempo é quen de sinalarnos as diferentes formas da temporalidade na historia da humanidade: un tempo de lúa, luz e xestación; un tempo de sol, anos, estacións e agricultura; un tempo de auga, puntualidade e dereito; un tempo de horas de rezo e o tanxer de campá; un tempo portátil.


O TEMPO INAUGURAL DA PSIQUIATRÍA


As orixes da psiquiatría poden ser establecidas en distintas datas ou en relación con diferentes acontecementos. Unha das candidatas sitúase a finais do século XIX, en Alemaña, cando Emil Kraepelin empeñou anos e oito edicións do seu lehrbuch2 na construción dunha nosoloxía das enfermidades mentais que borrara definitivamente a loucura do saber psiquiátrico. Neste bautismo produciuse un enmañaramento da temporalidade que chegou até os nosos días de DSM.


A complexidade da cuestión do tempo no ser humano 

  


1 https://en.wikipedia.org/wiki/A_Rake%27s_Progress

2Lerhbuch für studierende und ärtze (1883-1909)





anudouse con discreción neste proxecto psiquiátrico mais delongou cuestións complexas e conflitivas até o presente.


Kraepelin empregou tres tipos ben distintos de temporalidade na súa obra teórica


Un/ Considerou imprescindíbel atender ás modalidades de terminación das doenzas (endzustand) e, en particular, ao debilitamento psíquico (verblödung) característico da dementia praecox. Esta temporalidade cara ao futuro xurdiu ante a imposibilidade da psiquiatría de definir as doenzas dun xeito completo e cifrando o diagnóstico na evolución e non na etiloxía como sería, para o psiquiatra alemán, desexábel. Fundou un tempo que enredou o provisional (ata que a ciencia permita outra cousa), o utópico (a ciencia acadará tal posibilidade de coñecemento) e o determinista (o deterioro inexorábel da doenza).


Dous/ Unha das cuestións fudamentais da súa nosoloxía foi a distinción entre a psicose maníaco-depresiva e a esquizofrenia que quedou definitivamente establecida na súa obra a partires da quinta edición (1896) e que xa incorporou os achádegos de Kalhbaum. Desprega un tempo relativo onde a loucura aparece como unha cuestión parcial ou de momentos. Tal relatividade tiña o seu precedente no concepto de monomanía francesa (a loucura pode circunscribirse a un contido) e un reflexo no ámbito legal na cuestión da enaxenación mental transitoria (a loucura pode circunscribirse a un intre da vida).


Tres/ Na diferenciación coa paranoia, terceiro grande cadro pertencente ás psicoses, estableceu unha causalidade psicóxena “elaboración enfermiza dalgunhas experiencias vitais do doente” aínda que Kraepelin tendeu a diminuir o grupo das paranoias e aumentar o grupo da dementia praecox. A temporalidade nesta dicotomía anuda o tempo biográfico e o tempo morboso dun xeito que semella non resultarlle completamente satisfactorio.


Karl Jaspers adicou páxinas da súa psicopatoloxía xeral ao tempo nos modos do enfermar.


A patocronia médica fora un asunto central na orixe do método hipocrático. O paso dende o mythos ao logos precisou a creación dun tempo previo á morte, a enfermidade, que se entendeu como unha loita entre o individuo e o proceso morboso subxacente da que, o resultante, era o síntoma. Esta temporalidade da loita muda a partires do renacemento cara ao tempo do pronóstico onde o azar pero tamén a individualidade do doente son reducidos pola universalidade da anatomía e, dende o século XIX, pola aparición da fisioloxía e a patofisioloxía como novo referente do enfermar nos traballos de Claude Bernard. Así, na medicina desenvólvese un tempo no que a enfermidade desprégase ao longo dun traxecto xeralmente determinado e aparecen os períodos: incubación, prodrómico, manifestación ou acme, convalecencia e secuelas.


Karl Jaspers procedeu a unha descripción fenomenolóxica das formas patocrónicas do enfermar psíquico botando man de tres tipos de temporalidade.


A primeira diferenza o agudo fronte ao crónico dun xeito semellante á patocronia da medicina orgánica. O factor determinante é a instauración ou o despregue de síntomas na liña do tempo. Así, a instauración súbita é a propia de accesos e reaccións, a instauración rápida é característica de fases e brotes e a instauración prolongada é a propia dos desarrollos.


A segunda temporalidade traza unha marca entre o subxectivo e o orgánico ao través da existencia dun desencadeante (feito capturábel dende a descripción) e da propiedade intrínseca da comprensión (feito capturábel dende a captación fenomenolóxica).


A terceira temporalidade céntrase no tempo encanto fluxo que pode crebar cara ao irreversíbel ou, pola contra, retornar ao  cauce anterior.


O TEMPO NO SUXEITO DA PSIQUIATRÍA


Laplanche3 propuxo tres tipos de temporalidade. O tempo cosmolóxico ou tempo I é o tempo do calendario, obxectivo e medíbel. Regula, en diferentes graos aos organismos vivos ao través de ciclos: noite/día, inverno/verán.


O tempo perceptivo ou tempo II é o tempo do ser vivinte, da conciencia inmediata, operativo e utilitario e que pode ser descrito como unha estimación interna do tempo.


O tempo da memoria e o proxecto ou tempo III é o tempo interno, subxectivo, historizábel. Precisa dunha teoría do suxeito e nel aniñan os proxectos de vida.


O tempo cultural ou Tempo IV pode considerarse como un tempo social aínda que para Laplanche é tamén un tempo da humanidade, de millóns de anos equiparábel a un tempo xeolóxico.


A psiquiatría descritiva achou nos tempos I e II contextos nos que ancorar algúns síntomas. Trátase dun xeito de entender o tempo que cadra ben co concepto de función mental no que repousa unha grande parte da psicopatoloxía. Lembremos que o concepto de función mental naceu como unha metaforización da función corporal e, ao igual que existe unha función renal ou dixestiva, establecéronse funcións mentais como a memoria, a atención, o pensamento, a afectividade ou a percepción.


O tempo cosmolóxico, ao se organizar en ciclos, permitiu 

  


3LAPLANCHE, J. (1996). La prioridad del otro en psicoanálisis. Buenos Aires: Amorrortu





despregar unha psicopatoloxía da alimentación, da afectividade estacional. A normalidade ou anormalidade xira ao redor do ritmo, un descriptor xeral que pode ser aplicado ás diferentes funcións mentais. Aínda que procura obviar a globalidade, implícitamente son os eixos da repetición e da organización quen sinalan a normalidade e nos que repousan sobre todo técnicas terapéuticas para a locura pertencentes á orde do corrector ou do pedagóxico.


O tempo perceptivo permite ancorar a psicopatoloxía no cognitivo. Establece unha normalidade baseada na velocidade, no enlentecemento ou aceleración das funcións vitais e que deriva nunha psicopatoloxía do hiper ou do hipo. Hai tamén un suxeito implícito ao redor deste tempo II que sitúa ao individuo na calma ou na excitación e para os que se adican unha amalgama de técnicas que oscilan dende o repouso até as estimulacións ao través de distintos programas terapéuticos. Os anormais do tempo II poden precisar sedación, contención pero tamén o contrario, é dicir, talleres, deporte, estimulación cognitiva ou de aprendizaxe e rehabilitación de presuntas funcionalidades deficitarias ou fóra de control.


O tempo cultural ou tempo IV é un tempo que a psiquiatría emprega dun xeito moi heteroxéneo. En ocasións para sinalar as variacións na clínica derivadas dos cambios sociais ou para protagonizar tentativas de inserir á psiquiatría nunha teoría profunda que permita explicar a totalidade do seu campo de estudo como por exemplo a perspectiva proposta dende a psicoloxía evolucionista. O tempo IV é tamén o tempo que, dun xeito menos crítico, permite unha achega á problemática da distinción entre o normal e o anormal, ás máis das veces para propoñer unha clínica que está por fóra da clínica das clasificacións internacionais pero sen permitir que entre de cheo a relevancia do social nos diagnósticos. É o suxeito establecido nos códigos z, do malestar, dos problemas da vida que interfire na asistencia aos suxeitos DSM.


O tempo III ou tempo do proxecto entende a temporalidade como un determinante existencial do suxeito. Ao redor del, atopamos reflexións de maior fondura, nas que existencia, suxeito ou biografía deben ser incluídas.


Jacques propón que o tempo III está definido por un eixo da sucesión, esto é, da reconstrucción histórica e un eixo da intención, da simultaneidade do presente, o pasado e o futuro.


Segundo Moffatt4 na esencia da temporalidade é onde se contextualiza o concepto de crise. A continuidade do psiquismo, a identidade, non é un feito dado, algo natural senón que é o resultado dunha construción imaxinaria humana inseparábel do proceso de simbolización. Entende que a cultura é fundamental para crear unha vivencia de continuidade yoica, para otorgar sentido á existencia e protexernos da ansiedade ante a conciencia da propia morte futura. Nun sentido semellante, esto é, a relación entre tempo e morte, Carstensen afirmou que na temporalidade repousa calquera tipo de motivación ou idea de proxecto.


Para Zimbardo5 a perspectiva temporal é, polo xeral, non consciente e subxectiva existindo un xeito particular polo que cada individuo relaciónase co tempo e co proceso ao través do cal o fluxo continuo de experiencias é codificado en distintas categorías temporais que permiten coherencia e sentido. Na súa teoría da discontinuidade propón a emerxencia de ansiedade cando se produce un ataque á vivencia de continuidade yoica e desencadéase unha falla nos mecanismos para superalo.

   


4 MOFFATT, A. (1982). Terapia de crisis (teoría temporal del psiquismo). Montevideo: Búsqueda.

5 ZIMBARDO, P. (1999). Discontinuity theory: cognitive and social searches for rationality and normality may lead to madness. Advances in experimental social psychology, 31, 345-486.





Para Thiébaut6 a perspectiva temporal está definida por catro elementos: a afectividade, a densidade, a nitidez e a continuidade.


Paul Ricoeur7 afirmou que dicir ser ven a significar, sempre, unha interpretación e unha vivencia de temporalidade. Non existiría tempo pensado se non fose narrado e, polo tanto, faise preciso que alguén fale. Dicía Émile Benveniste “o presente é a coincidencia entre un acontecemento e o discurso que o enuncia”8.


A articulación de suxeito, interpretación e temporalidade prodúcese ao través do narrativo. Na súa obra retoma a distinción entre o tempo I e o tempo III como as dúas grandes categorías nas que oscilou a filosofía do tempo. O tempo cosmolóxico foi o tempo de Platón, Aristóteles ou Kant. Pola contra, o tempo subxectivo foi o suxerido por Agustín, Husserl ou Heidegger.


Se para Aristóteles o tempo circunscríbenos e domínanos sen que a alma teña poder de enxendralo, para Agustín9 é a alma quen ten o poder de configurar o tempo e por iso a súa percepción sempre é subxectiva. Os suxeitos máis que padecer a acción do tempo están condeados a participar nel (tempo do obrar). Así, por exemplo, sempre que intentemos retornar ao pasado obrigatoriamente recrearemos no aquí e agora unha nova experiencia. A subxectividade implica que o pasado sexa apropiado en forma de memoria, o presente en forma de  

   


6 THIEBAUT, E. (1998). Le perspective temporelle, un concept a la recherché d ìune definition operationnelle. L’Année Psychologique, 98, 101-125.

7 RICOEUR, P. (2007). Tiempo y narración. Configuración del tiempo en el relato histórico, vol. 1. Madrid: Siglo XXI Editores.

8 BENVENISTE, É. (1997). Problemas de lingü.stica general. Madrid: Siglo xxi Editores

9 SAN AGUSTíN. (2003). Las confesiones. Madrid: Editorial Akal.





atención e o futuro como expectativa. O tempo, entón, sempre se encadra no suxeito ao través do psicolóxico. Esta irreductibilidade do tempo subxectivo no ser humano tamén foi referida por William James10 nos seus Principios de psicoloxía cando escribiu que a autoconciencia non pode ser experimentada máis que en modo pretérito. E por Wilhem Dilthey11, quen consideraba que a comprensión é sempre unha comprensión do pasado, unha volta a el: “vivimos cara adiante, comprendemos cara atrás”.


Na vida e nos obxectos exteriores existen relacións temporais comúns como a simultaneidade, a sucesión, a distancia, a duración e o cambio. Porén, na vivencia a temporalidade aparece como padecer, lembrar ou agardar e non hai outro xeito de vivir a realidade. Ortega y Gasset en El tema de nuestro tiempo y en Ni vitalismo ni racionalismo afirmou que a dimensión histórica e temporal da vivencia é esencial para a comprensión da existencia e, en especial, para analizar os procesos que configuran o Eu.


Para Henri Bergson12 o único tempo posíbel é o que acontece no interior da conciencia, o que é captado na experiencia interna. A percepción do tempo deriva da idea de cambio e de fluxo, algo característico dos suxeitos vivos. O fluxo variábel, o tempo, ten unha perspectiva inventiva e creadora xa que a temporalidade permite a reelaboración contínua dos estados de conciencia. O tempo subxectivo é, para Bergson, unha intuición de fluxo irreversíbel e de sucesión de cambios.


Minkowski falaba de tempo vivido non só como presente senón

  


10 JAMES, W. (1989). Principios de psicología. México: Fondo de Cultura Económica

11 DILTHEY, W. (2000). Dos escritos sobre hermenéutica. Madrid: Editorial Istmo.

12 BERGSON, H. (1977). Memoria y vida. Madrid: Alianza Editorial.





ímpeto, como forza creativa do suxeito que proxecta un sentido no fluxo temporal e nas circunstancias entendidas como obstáculos ou como oportunidades. A temporalidade humana sempre contén a idea dun horizonte que impele non só á acción senón tamén á espera, o desexo ou a esperanza.


Merleau Ponty dixo que atopamos ao tempo no camiño que leva á subxectividade e Tzvetan Todorov13 falou na necesidade do olvido e da lembranza na construción do relato.


En xeral, o que estes autores tratan de poñer de manifesto é a importancia da historicidade humana entendida como unha volta ao pasado para afirmar e lanzar o presente e o rol da narratividade como forma primordial de comprensión.


Ehrenberg ten sinalado que a insuficiencia é a persoa contemporánea o que o conflito representaba para os suxeito da primeira metade do século XX14. Este rol central da identidade na subxectividade foi recuperado por David Le Breton15. Sinala que a creba do vínculo social ailla ao individuo e enfróntao a súa libertade e ao disfrute da súa autonomía pero tamén ao sentimento de insuficiencia e aos fracasos persoais. Para Gauchet16 existe unha incertidume radical sobre a continuidade e a consistencia do Eu. O individuo enfróntase a unha multiplicidade de posibilidades identitarias para as que só pode contar cos seus propios medios sen importar a precariedade económica ou simbólica de cada un. Manuel Fernández Blanco nos ten falado dese cambio no supereu que contén a obriga de ser feliz.

  


13 TODOROV, T. (2000). Los abusos de la memoria. Barcelona: Paidós.

14 EHRENBERG, A. (2000). La fatiga de ser uno mismo: depresión y sociedad. Edt. Nueva visión.

15 LE BRETON, D. (2015). Desaparecer de si: una tentación contemporánea. Edt. Siruela.

16 GAUCHET, M. (2004). Un monde désenchanté. Edt. L´Atelier.





Le Breton denomina blancura a un estado de ausencia de sí máis ou menos pronunciado, a un certo despedirse do propio Eu que está provocado pola dificultade de ser un mesmo. Identifica toda unha serie de situacións contemporáneas nas que o característico é a desaparición do sentido, o baleiro, apoderándose dun Eu expurgado, a indiferencia fronte as cousas, o alivio ao deixar de ser un mesmo, a renuncia a sentirse responsábel da súa existencia ou da dos demais. André Green17 falara das psicoses brancas cando o Eu procede a despegarse das representacións afrontando o seu baleiro constitutivo, nunha obriga de desaparición.


A blancura é a vontade de ralentizar ou deter o fluxo do pensamento, de poñer fin á necesidade social de compoñerse en todo momento nun personaxe segundo quen sexan os interlocutores ou as circunstancias.


Na clínica atopamos enredamentos da blancura nas que suxeito e prácticas psiquiátricas conforman novas cronicidades.


As depresións da renuncia: os casos dunha renuncia ao vivir teñen sido estudadas dende unha perspectiva cultural. Coñecemos aos tumbaos de latinoamérica, dos que di Luis Landero18, “un tumbao no es un holgazán, ni un neurótico, ni un simple enfermo imaginario sino un hombre que un buen día opta por suspender su actividad social y se abandona espléndidamente a la inacción”. Son persoas (como foi Onetti nos últimos anos da súa vida), que un día, repentinamente, métense na cama e xa non volven saír dela. O leito configúrase como un compendio do subversivo e da resistencia pasiva, esto 

   


17 DONNET, J-L. GREEN, A. (1973). L´Enfant de ça. Psychanalyse d´un entretien: la psychose blanche. Edt. Minuit.

18 LANDERO, L. (2001). “Tumbados y resucitados.” En VV.AA.: Con otra mirada, una visión de la enfermedad desde la literatura y el humanismo. Edt. Taurus, 2001.





é, o lugar ideal do home que ten dimitido da cidade e da república.


Tamén sabemos dos Hikikomori, mozos que, no Xapón, péchanse nos seus cuartos, durmen moitas horas levando unha vida inmóbil rodeados de tecnoloxía. Na modalidade de Otaku tamén hai un atrincheramento na habitación pero entregándose a algunha paixón que a sociedade califica como rara ou ridícula: maquetas, monecos, cómics…


O tempo psiquiatrizado ás veces delonga a renuncia nunha sucesión de consultas e intervencións que se cronifican cara ao tratamento de mantemento e á psicoterapia de apoio. Son suxeitos nos que están ausentes a demanda ou a queixa e que rematan por incorporar o confort da psiquiatría da nada ao seu pulo por renunciar á indentidade.


As psicoses en dimisión: a falla da procura dun sentido na sintomatoloxía chamada negativa ou deficitaria abandonou a unha orixe orgánica os cadros de apatías ou abulias que se observan con certa frecuencia nalgúns casos de psicoses. A renuncia a entender algúns replegamentos autistas como defensas deixa ao suxeito que dimite de si mesmo inmerso nas dúas estratexias habituais de intervención. Os intentos de estimular algún tipo de actividade que, no caso de prosperar, pasará a ser unha rutina realizada con carácter mecánico. E ao mesmo tempo, procédese a elección de determinada elección neuroléptica confundindo efecto farmacolóxico e secundarismo, sedación con dimisión de si.


Ambas intervencións tenden a seren realizadas en dispositivos especializados que tenden a reproducir a temporalidade propia dun hospital psiquiátrico. A temporalidade institucional, como a da abadía ou a do convento, son lugares para desaparecer, refuxios onde o individuo non se debe a ninguén e deslízase dunha tarefa a outra. Tranquilizan e pacifican pero eximen de interpretación as renuncias da identidade conformando  paisaxes amortiguadas nas que a existencia pode proseguir ao ralentí. O tempo psiquiátrico do deterioro acubilla esoutra temporalidade na que o suxeito prefire a paz da anestesia.


As dependencias da ausencia: os comas adolescentes por alcohol ou asfixia tenden a ser postos como algo pertencente a un acto de tipo impulsivo, a unha búsqueda de emocións intensas ou, directamente, calificadas como condutas de oposición fronte a autoridade social ou familiar. Porén, e como sinala Le Breton, semella ter mudado a experiencia das intoxicacións alcohólicas dende a pretérita búsqueda de emocións a unha máis actual procura da desaparición, a unha paixón polo síncope. Cita: “cando bebo, xa non teño que facer o esforzo de seguir loitando”. Está a falar de algunhas entradas na toxicomanía que non procuran o efecto dunha sustancia ou a deformación do vínculo nun tóxico e nunha comunidade de consumidores. A sustancia sería a balanza que permite seguir a vivir ao proveer a dose ínfima de morte necesaria para renunciar á molestia que supón a identidade. É unha clínica que, en definitiva, sinala impulsos, condutas ou dependencias onde se está a producir algo da orde da identidade.


A psiquiatría insiste (malia os fracasos) nunha temporalidade que busca reducir o tempo de actuación (as técnicas antiimpulsivas), revertir intoxicacións (os antídotos), controlar abstinencias (a reducción progresiva da sustancia) e tratar o craving. O crónico xorde logo de repetidos fracasos, case sempre aludindo a un problema de carácter ou personalidade que, ao se farmacoloxizar, perpetúa en forma de alivio o desexo de desaparecer.


As actividades da disolución: existen toda una serie de inmersións sociais cuxos practicantes son interpretados como adeptos en risco de convertirse en adictos. Etiquétanse como novas adiccións xogos que levan a un individuo cara a un trance lixeiro que desliga da identidade ordinaria. O suxeito colócase nun fío onde en calquera intre pode perder o control e seren  absorbido completamente pola acción.


Situar tales posicións no eido das adición supón falar do suxeito do pasatempo, do equívoco no ocio, do maluso do divertimento ao converterse en invasivo. A saúde mental propón unha temporalidade de horarios, de sentido común, de orden a algo que, pola contra, aproxímase máis á fuga e á disociación: os ludópatas que desaparecen unha fin de semana enteira, o adolescente que se da un atracón de videoxogos descoidando comida e sono. O diagnóstico do neoadictivo cae de cheo nunha etiquetaxe que reforza o exilio de sí mesmo.


O vagabundeo e senfogarismo: existen formas de vagabundeo que transforman en crónica unha fuga inicial. Na rúa, o suxeito é quen de desembarazarse do esforzo que impón calquera clase de figuración social derivada dunha orixe familiar e duns vínculos duradeiros. O espazo permite unha conxura do tempo, da angustia do devenir, da súa irreversibilidade, da obriga que lle impón ao suxeito seren proxecto. Os vínculos ceden a unha caducidade de compartir lugar e así suprimen esoutros vículos fundamentados na temporalidade, no vivido, na experiencia conxunta.


A saúde mental oferta un tempo de portas xiratorias onde o espazo convértese nunha sucesión de dispositivos que reproduce o vínculo precario da rúa, sen continuidade e sen proxecto algún. Doutra banda, en ocasións establece un tempo de programas onde o suxeito camiña por espazos distintos entendidos en termos de progreso: rúa, albergue, pensión, piso… que tratan de revertir o descenso, a caída do doente sen albiscar o central do identitario que supón a rúa.


As desmemorias: nalgúns suxeitos observamos unha discontinuidade no devenir biográfico que quebra calquera posibilidade de construir un relato enfiado, unha novela da vida. O seu discurso sobre sí é un conxunto de narracións breves nas que creban os intermedios, as continuidades, os  cambios de plano. Son temporalidades fragmentarias nas que, os intentos de reconstrucción, conducen a unha particular falla da memoria. Ás veces, desaparece o contexto, as datas, a relación con outros acontecementos da mesma época, nunha alteración que afecta aos aspectos formais do narrar. Noutras, todo é anécdota, un paréntese que se abre e que se pecha deixando un contido no medio que está illado. Manteñen unha correspondencia cos cambios na narración médica onde, fronte a patobiografía do papel, asistimos á dictadura do tempo do episodio actual, das carpetas dos diferentes servizos que, como ventás indiscretas, chaman ao voyeurismo do detalle e da analítica desbotando a miraba global.


O tempo do oficio: configúrase un saber determinado pola pretensión de ciencia naquilo que non pode ser abordado por ela: o experiencial, a lectura crítica, a tertulia a reflexión, a dúbida, a curiosidade dilúense nas horas de formación, o factor de impacto, o artigo de revista, a metanálise, o abstract. Fronte a estrutura de saber do gremio opónse o gremial somente en canto cuestión de poder. Aprendices, oficiais e mestres bórranse do imaxinario identitario da profesión até conformar unha caste na que a inseguridade ou a angustia fronte ao complexo do traballo é depositado en dúas certezas: a científica e a xerárquica.


A relación médico doente constrúese ao través dun vínculo no que se impoñen dúas temporalidades: a farmacolóxica e a burocrática. A farmacoloxía introduce, inevitábelmente, unha temporalidade de aparencia aséptica que deriva de propiedades cinéticas e dinámicas pero que modifica esoutro tempo narrativo propio do suxeito. Estou a falar, por exemplo, dos insomnios e os hipnóticos medidos por horas e periodos, das benzodiacepinas sublinguais que erradican a angustia coma se dunha anxina de peito se tratara, dos depot que remedan ás vacunas, dos antidepresivos que obrigan a unha cita a partir de dúas semanas xa que é cando fan efecto, das pautas ao almorzo, á comida é á cea que entran no simbolismo  no nutrientes, dos acufase, os maitena, os flash, os velotab… e os trimestrais como as avaliacións nos colexios.


A burocracia fala dun tempo de primeiras e revisións, de citas e axendas, de estancias medias, de agudo e de crónico, dun tempo de primaria e dun tempo de especializada. O suxeito da rede asistencial esmorece fronte a esoutro suxeito do proceso asistencial. O primeiro entende a atención como algo con vocación de permanencia, coa flexibilidade para configurar os nodos da rede en función das necesidades, das cuestións relativas á orde do coidado. O segundo implica entradas e saídas, como un conxunto definido de intervencións, distingue o agudo do crónico, pertencente á orde do tratamento.


Os aluados disentían do tempo do sentido común que determinaba a lúa. As estacións fragmentaron o tempo ata permitir aos tolos que tiveran tolemias parciais, dende o maníaco-depresivo até a monomanía. O tempo da auga puxo por fóra da norma aos tolos que invadían o discurso alleo. O tempo das campás foi o tempo do rito, do obsesivo e da culpa. O tempo do reloxo foi o tempo do conflito, da supremacía do acordo e a ditadura do común. O tempo dixital rematou por deixar ao tolo a soas co seu tempo, coa obriga de ser e dotarse dunha identidade, malia as súas dificultades.


E ás veces, como os psiquiatras, tamén dimiten.