Lecciones de introducción al psicoanálisis

Óscar Masotta. Barcelona. Gedisa, 1996. 123 págs.



BALTIMORE, VIGO E MASOTTA

Rubén Touriño. Psiquiatra. Barcelona.



Non coñezo Baltimore, o certo é que tampouco moito Vigo. Tal vez unha e mais a outra sexan cidades invisibles como as de ítalo Calvino, habitadas coma aquela chamada leandra por eses pequenos demos, Penates e lares, que pasaban o tempo a discutir sobre cal deles constituía a verdadeira alma do lugar: se os que emigraban ou os que quedaban; ben seguro eran tras- nos lingoreteiros ó xeito daqueloutro miúdo, imposible de atrapar, que mora en nós e nos gasta bromas.


Mais o prólogo que escribe Óscar Masotta en Lecciones de Introducción al Psicoanálisis (1977) lémbrame a conferencia de Lacan en Baltimore (1966) cando no raiar do día, ante o espectáculo da cidade que se lle presenta pola fiestra “separado de toda natureza, ritmado pola circulación e o reloxo que esburaca co seu neón a noite a cada minuto” (e. laurent, 2003) nos obsequia cunha poética definición: o inconsciente é a imaxe de Baltimore cando amañece; talvez se podería dicir que tamén é a da ría de Vigo na alborada.


Masotta, diante dunha audiencia heteroxénea, lonxe de identificarse a un conferenciante, advírtese “espectador intermitente” perante as “presentacións, de paisaxes e de persoas”; intermitencia na que se fará presente o discurso psicanálitico, ó xeito do pulsátil do inconsciente.


Así, a intención de introducir o campo da teoría e da práctica psicanalíticas a “médicos, psiquiatras, psicólogos, pediatras, traballadores sociais, estudantes”, facendo uso de palabras sinxelas sen que isto comportara unha banalización dos

conceptos, é o que o acompañará a Vigo durante dous días do novembro de 1976 que se continuarían con outros dous en xaneiro do 1977. A imposibilidade de levar a cabo tal empresa nos devanditos intervalos e un desexo decidido de transmisión das ensinanzas de Freud e Lacan, desplazaríase cara a elaboración do presente traballo: “resguardo de la falta” é como titula o que estaba destinado a ser o primeiro volumen dunha serie, posteriormente editado como “lecciones de introducción al psicoanálisis”.


O punto de partida non podía ser outro que o comezo: o encontro de Freud coa clínica da histeria. A agudeza da lectura de Massota dá boa conta da actualidade da lectura freudiana: se dende a antigüidade dos gregos a enfermidade era considerada da orde do femenino (a propósito da etimoloxía de histeria en canto útero), Freud rompe coa resonancia da matriz cando trata de conectar a psique coa sexualidade: a histeria afecta tamén ós varóns, e o trauma que a causa non se ubica na xenitalidade senón no aparato psíquico; esto a súa vez introduce unha hiancia entre sexo e saber. Dito doutro xeito: “a teoría freudiana lonxe de ser antifeminista ofrece un punto de partida para plantear o feminismo como necesidade e como cuestión”.


A pulsión, concepto que desenvolve Freud en discrepancia do instinto animal e que a diferencia deste último non ten un obxecto (determinado naturalmente), será unha referencia fundamental sobre a que se volverá en varias ocasións no texto.


Especial atención adicará tamén á intuición de Freud sobre o concepto de significante, término da lingüística contemporánea que permite destacar “que toda palabra pode remitir a máis dunha significación”, que a relación entre a palabra e a cousa, entre o significante e o significado, é arbitraria. Na formación dos síntomas, do mesmo xeito que nos chistes, “se ben a pa- labra permanece, o significado escorrégase” como tamén o fai o desexo que se pretende capturar no relato do soño, máis aló da

consideración freudiana dos mesmos como cumprimentos de desexo.


Ubicar o significante no centro da práctica, permítelle esbozar a diferenciación da situación analítica tanto coa comunicación coma coa comprensióndo doente; máis ben “no que quere dicir, e por intermedio desas fallas da palabra, (o analista) escoita o que o paciente non quere dicir”, facendo posible a lectura na fala daquelo que un non sabía que dicía.


Referencias ós conceptos freudianos de fantasía, falo, castración, complexo de edipo, son introducidas dun xeito áxil. o saber da ciencia en relación ó saber do discurso analítico, o corpo como bordes e superficies no canto da concepción do organismo que ocupa á medicina, serán algunhas doutras consideracións igualmente esbozadas.


Volver a Freud “devolvendo ás palabras a súa capacidade de abraiar” foi a premisa que o guiou na elaboración da presente obra e na súa decidida actividade en diferentes ámbitos da vangarda intelectual, con notables efectos de transmisión dunha ensinanza ata a súa prematura morte en 1979, dando lugar a grupos de estudo, publicacións e a Fundación da Biblioteca Galega de Estudios Freudianos en Vigo, ademáis da Biblioteca Freudiana de Barcelona. Como apuntaba a súa filla: “es precisamente hacer danzar al lenguaje aquello a lo que desde mi punto de vista, él se dedicó. Su vocación.” (C. Massota, 2017). En efecto, no texto transmítese a vivacidade dun baile no que un paso leva a outro, e que lonxe de esgotarnos causa o desexo alegre de, albiscada a estructura dunha coreografía, continuar practicando.

NOTAS


CALVINO, I. Las Ciudades Invisibles. Madrid: Siruela, 2008


“Un duendecillo travieso que nos gasta bromas: hete aquí el deseo”. Lacan, profesor de deseo. Entrevista a Jacques–Alain Miller, por Christophe Labbé y Olivia Recasens. http://ampblog2006.blogspot.com.es/2014/12/lacan-profesor-de-deseo-entrevista.html?spref=fb


LAURENT, E. Ciudades psicoanalíticas. Virtualia Nº 8, junio-julio 2003, p. 2.

http://virtualia.eol.org.ar/008/default.asp?notas/elaurent-01.html


MASSOTA, C. “Historia de una transmisión”. En: Óscar Masotta. La teoría como acción. México: editorial RM, 2017, p. 39

Próximamente o MACBA acollerá a exposición “Oscar Masotta. La teoría como acción” (23 marzo-11 setembro 2018), coincidindo coa celebración do XI Congreso da Asociación Mundial de Psicanálise (AMP) “Las Psicosis Ordinarias y Las Otras. Bajo Transferencia” (2-6 abril 2018)