LONELINESS. The experience of emotional and social isolation

Robert S. Weiss. The MIT Press. 1975




S.L.C.


En 1975, Robert S. Weiss, que ás veces é citado como psiquiatra e outras veces como sociólogo, publicou un libro Loneliness (soidade) que pode ser lido hoxe sen que os máis de 40 anos pasados dende a súa publicación teñan rebaixado o seu interese. Cando Weiss se achegou á soidade non atopou moitas referencias na literatura psicolóxica ou psiquiátrica do tempo malia que era, pensaba, unha situación moi común que atinxía a moita xente e provocaba moito pesar. En inglés hai unha diferenza que non é tan obvia no español ou no galego. É a que existe entre loneliness aloneness. Soidade (loneliness) é o sentimento penoso da ausencia ou carencia dunha especial relación de intimidade significativa con alguén. Aloneness é sinxelamente, o feito de “estar só”. Poderíanse traducir comosoidade e solitude1. Pódese estar só (aloneness) de xeito voluntario ou involuntario, sen pesar ningún, mesmo felíz, pero non acontece o mesmo no caso da soidade (loneliness).

Unha vez arredadas soidade e solitude, Weiss foi quen de definir axiña dous tipos diferentes de soidade: a soidade do illamento emocional e a soidade do illamento social. No primeiro caso hai unha perda ou unha ausencia dunha persoa (esposa/o, amante, pais ou fillo) que antes procuraba a





1. Para o español segundo o diccionario da rae, soledad, é carencia voluntaria ou involuntaria de compañía pero tamén “pesar y melancolía que se sienten por la ausencia, pérdida o muerte de alguien o de algo”. Solitud non ten a segunda acepción de pesar e melancolía, é só, carencia de compañía.

satisfacción da necesidade de intimidade. No segundo, pérdese o grupo, (non por vontade propia) a rede social ou a familia na que antes vivía a persoa agora illada (compañeiros de traballo, amigos, parentes). Os “síntomas” son diferentes nun caso e no outro. na soidade emocional hai un desacougo, Unha especie de “medo sen nome” que non deixa concentrarse en activi- dades como ler ou ver a televisión. Hai tamén unha hipervixilancia que máis que pescudar posibles ameazas é unha constante avaliación dos outros como posibles fontes substitutas da relación ausente ou perdida. O eu ou o mundo, poden aparecer baleiros, ermos, mesmo “mortos”. No illamento social predominan os sentimentos de aburrimento e marxinación máis ca ansiedade. Por exemplo: unha muller casada sen fillos dedicada ao fogar que se despraza a unha nova comunidade polo traballo do seu home, perde a súa rede social de procedencia e terá que construír unha nova. Para o seu home será doado dispoñer axiña dunha nova rede cos compañeiros de traballo e seguirá contando co afecto da esposa para evitar o illamento emocional. A muller, que nos casos típicos procurará mergullarse nos traballos domésticos na nova veciñanza mentres agarda pola chegada do seu home, pouco a pouco, mentres non faga novas amizades, comezará a sentir un baleiro que non vai arranxar a relación de intimidade e afecto co seu esposo. O illamento social, di Weiss, só se arranxa cunha nova rede social; oillamento emocional só se arranxa cun novo compañeiro afectivo. Ás veces, manter a antiga rede social nunha situación de illamento emocional, (o caso de algunhas viúvas ou viúvos por exemplo) pode mesmo agravar a soidade emocional pois como dicía unha das mulleres entrevistadas neste libro cando participaba nunha xuntanza de matrimonios amigos: sentíame como se fose a quinta roda dun coche... Weiss pensa que hai máis tipos de soidade que os dous que el puido recoñecer pero non se ocupou deles no tempo da escrita do libro por pouco investigados.


Helena Z. Lopata, unha das colaboradoras do libro, lembra que non ter alguén que nos queira é malo pero non ter alguén a


quen querer, pode aínda ser peor velaí eses canciños e gatos que dende un tempo vemos a centos nas rúas e nas casas, vestidos como se fosen nenos e que moitas veces se levan no colo como nenos, que teñen como función ser os depositarios dese agarimo que non ten onde pousar ao tempo que dan compañía, máis os cans, que son o poden ser compañeiros caseiros e de rúas, ca os gatos, que son máis hóspedes caseiros cos que non se pode saír a pasear. Abonda con ver as páxinas de internet onde os moitos yorkshire que agora enchen as rúas, son publicitados aquelados con lazos como, cousiñas adorablesque roubarán o teu corazón ou ver nos anuncios televisivos o gato que vela pola muller que quebrou unha perna e queda na casa agarimada polo seu gato que “sabe” o que acontece. Un can esixe á rúa, lugar onde un pode atopar un substituto para a relación perdida. non se pasea cos gatos e sospeito, sen probas, que nestes casos de soidade, a preferencia por cans ou gatos hai situacións diferentes. quen escolle un gato, é unha suposición, vive en illamento emocional pero dispón dunha rede social satisfactoria o que se cadra, no sempre é o caso de quen escolle un can. A soidade, que pode ser de parella como no caso dun niño baleiro por marcha dos fillos, pode traer un can ou un gato á unha casa que quedou sen ninguén a quen coidar.


A vellez é un territorio descoñecido ao que todos se achegarán máis tarde ou máis cedo e que terán que facer habitable. É unha idade na que a soidade está ou estará case sempre presente. Ben por niño baleiro, por viuvez ou por xubilación. Nestes casos, o illamento emocional e social van moitas veces un a carón do outro con efectos esmagadores. Recompoñer unha rede social é máis doado que dispoñer dun novo vínculo afectivo que afaste o illamento emocional. Todos coñecemos homes e mulleres que nestes casos, adoitan procurar actividades para encher o baleiro que deixou a perda por divorcio ou morte: ximnasios, cursos, viaxes colectivos, grupos de lectura son algunhas das maneiras para facelo. Algúns esquecen planificar os días máis perigosos: os fins de semana.

O resultado son 48 horas de desacougo nas que nin a televisión, nin a lectura, alivian o baleiro mentres se agarda o liberador luns. O alcohol é tamén un recurso e ese viño ou copa bebido ao chegar á casa vaise ás veces convertendo en dous, tres ou máis copas.


Internet, as redes o e-mail os whatsapps que nin existían nin se agardaban cando Weiss escribía o seu libro, permiten agora establecer redes virtuais que semellan amolecer o illamento social. Calquera adolescente ou “idoso” pode pasar o día enteiro conectado con amigos, familiares ou coñecidos pero non por iso baixará o seu sentimento de illamento emocional que pode mesmo medrar. Hoxe cómpre diferenciar entre rede social real e rede social virtual. non hai moito que foi atopado un home en Vigo que morreu rodeado polo lixo que ateigaba a súa casa. O seu illamento emocional era total; a súa rede social “real” case inexistente mais a súa rede virtual tiña máis de 3000 “amigos” e foi un deses amigos virtuais quen avisou do que podería estar pasando. Weiss non o di, daquela no había internet, pero semella que tampouco unha rede social virtual poida substituír á rede social real.


Hoxe hai máis de 4,5 millóns de persoas que viven solas en españa. en Galicia no 25% dos fogares vive unha sola persoa. non hai semana na que non se atope en Galicia unha persoa maior morta na casa que levaba días, mesmo semanas falecida sen que ninguén soubese dela. Son exemplos de soidade e solitude pois abondaría con que dispuxeran dunha rede social ou dun achegado para que a “alguén preguntara por eles”.


Weiss no capítulo que pecha o libro é firme nas súas conclusións: a soidade do illamento emocional non desaparece por moito que se multipliquen as relacións con amigos nin coa dedicacións aos fillos ou ao traballo. Tampouco lle parece a Weiss probable que se poda un adaptar á soidade de longa duración emocional ou social e conseguir unha vida satisfactoria malia esas privacións.

Weiss tampouco fala da forma máis dura de soidade: o ostracismo. neste caso, a comunidade compórtase co así castigado, pois é un castigo, como se fose invisible e inaudible. Ninguén fala con el nin o saúda. ninguén se achega a el en público. Todos procuran non ser vistos na súa compañía. É a forma máis dura de social pain que alguén pode sufrir e non son poucos os que non resisten esa dor nin esa soidade imposta, unha morte psicolóxica. a morte por suicidio dun coñecido xestor bancario hai uns meses, tivo sen dúbida como motivo o ostracismo no que tiña que vivir. Hai ostracismos que non se deben a castigos senón a esquecementos. Quen tivo un posto importante no que favores e desfavores eran posibilidades do cargo pódense volver invisibles cando deixan o cargo.


Nun tempo de coach, conselleiros, gurús e especialistas en autoaxudas, a reticencia que tiña Weiss no seu tempo para asumir o papel de conselleiro é curiosa: hai algo indigno, mesmo cómico, nese papel... iso non lle impide advertir dalgúns perigos. a procura activa dun vínculo ou dunha nova rede leva moitas veces a unha busca fóra do contexto social propio o que pode aportar unha aventura sexual pero poucas veces unha relación fiable xa que baixo a presión do illamento emocional o rango dos “outros” aceptables rebaixa o seu nivel. Weiss non o di pero semella que se non moitos, algúns casos de violencia doméstica teñen esa procedencia. Tamén se pregunta Weiss se no caso da vellez o recurso ás residencias comunitarias é beneficioso ou se trata de “salas de espera” para o fin.


O libro ten máis de 40 anos e moito do que nel se fala son cousas das que todos temos hoxe unha certa experiencia. Malia esa idade, como todo libro importante, aínda ten algo que dicir.

POSTDATA


En 2016, Olivia Laing, unha escritora inglesa, publicou the Lonely City, unha crónica dos dous anos que pasou vivindo sola en Nova York. No libro recupera o texto de Weiss e propón, coido que moi acertadamente, que a pintura de Hopper é o espello gráfico do que Weiss describe literariamente. Aínda que ás veces o propio pintor o negaba, os homes e mulleres de Hopper, son a expresión visual da soidade da gran cidade. ¿Quen no contempla o cadro nighthawks (noctámbulos) ou calquera outro sen sentir un certo desacougo?




Hai anos Edward T. Hall nos seus estudos de proxémica, unha especie de etoloxía humana, comparou a barra americana cos cafés europeos. Na barra americana a xente está unha a carón da outra. No café europeo, sentados arredor dunha mesa. Hai tempo, moito tempo, nunha viaxe en coche por Alemaña, chegamos de noite a Wiesbadden que daquela tiña unha base americana. Cansos, entramos nun bar. era unha longa barra na que se sentaban varios homes, militares americanos, que bebían calados. Era un lugar xeado que agoiraba un perigo indefinido. Saímos axiña por non dicir que fuximos. Poucos metros máis alá, do outro lado da beirarrúa, escoitábanse cantos nun local iluminado. Era unha cervexaría alemá de mesas longas comunais sen barra onde fomos acollidos e malia ser alemaña sentimos dalgún xeito que estábamos en casa. Era

como entrar noutro mundo. A barra americana dos militares era Hopper; a cervexaría alemá era, para ben e para mal, europa, e había unha fronteira invisible que ninguén cruzaba pero todo ten o seu lado perigoso. Había na acolledora cervexaría algo que nos desacougaba un tanto: foi en cervexarías como esa nas que naceu o Hitler político e o nazismo. Non é doado admitir que no canto comunal da cervexaría (e como non lembrar o tomorrow belong to me de Cabaret que canta o rapaz nazi) como no silencio xeado dos bebedores da barra americana hai algo agochado que pode levar ao mal, gregario nun caso, individual no outro.



window.print();