Estudios de psicología patológica

José María Álvarez. Xoroi edicions, Barcelona. 2017. 384 págs.



Ramón Area. Psiquiatra.
Hospital psiquiatrico de Conxo. Santiago de Compostela



José María, autor ao que sempre cómpre ler, desta volta lévanos polo camiño da neurose. inicialmente un cre estar diante da erudición á que os ten acostumados. As primeiras páxinas, o vocabulario, o maxistral percorrido pola historia e conceptos, a escrita longa que de vez en cando vese crebada polo curto e rotundo. Porén, un decátase ben cedo de que hai algo máis. Encanto lector e psiquiatra, ás veces atopo escritos que fan retornar ao siso casos e suxeitos, circunstancias das relacións cotiáns ou aspectos propios para, de súpeto, seren alumeados no entendemento doutra maneira.


A novela, sabemos, ten os seus mecanismos interiores que os novelistas procuran dominar. Porén, sempre haberá un misterio no éxito e no talento que, no caso de funcionar, contribúe á unha experiencia particular na lectura de tramas e personaxes.


Dun xeito semellante (aínda que polo xeral menos reflexionado) o libro técnico, debe trazar unha ponte entre a experiencia clínica e literatura psiquiátrica que acade a solidez e visibilidade necesarias, nin de máis, nin de menos.


Na miña opinión estamos diante, sen dúbida, dun deses libros.


Tal vez a súa vontade de descrición dunha estrutura clínica teña algo que ver. Xa di José María que debe existir unha reciprocidade entre o mundo dos fenómenos e o das explicacións, isto é, entre os síntomas e os mecanismos patoxenéticos. Aí é onde os que facemos clínica debemos sentirnos aludidos.

Encanto lectores arrastramos os nosos encontros co sufrimento e, nos bos libros, aceptamos o desexo de saber do que falou Aristóteles.


Álvarez avísanos das debilidades do modelo estrutural (as fronteiras, as novas formas de presentación do malestar e os apaños que fai o suxeito contemporáneo para manterse en certo equilibrio). Na súa precaución de non “...apegarse á teoría e adornala con elementos barrocos...” e na máxima de que “...os modelos están ao servizo da clínica...” seguramente re- sidan algúns dos mecanismos internos dos que falaba denantes.


Como se fosen os subliñados que calquera de nós fai nas páxinas, comento e transcribo algunhas frases (previa tradución persoal ao galego).


“...A unidade da neurose (encanto estrutura) reside no desentrañar os mecanismos xenéricos que dan lugar as manifestacións. Tamén en amosar as vías que seguen os síntomas durante o seu proceso de formación...”.


Hai, por tras de calquera aproximación á comprensión da neurose, un algo universal propio da condición humana: a falla-en-ser, unha falla do ser pola cal o ser existe. De aí que a neurose, asente en dous piares que teñen que ver con esta incompletitude radical dos suxeitos: o desexo e a pregunta neurótica.


“...Asentada nunha falla esencial, o desexo anima o noso peregrinar polo calvario da vida a condición de admitir a falla-en-ser que nos constitúe...”.


A partires de estas consideracións José María Álvarez agasalla mestría na súa descrición estrutural da neurose, histérica e obsesiva.


Cito:


“...O suxeito histérico gusta de permanecer insatisfeito, como se de esa maneira puidera poñerse a salvo da falla por excelencia... extrema a política de insatisfacción ata facer de ela o seu modo de vivir... abala entre a queixa, a reivindicación rabiosa, a decepción grandilocuente e o desleixo depresivo... Se non pode ter o que desexa é, de fixo, porque nada do que se lle ofrece é suficiente para enchelo, ou porque o outro, aínda que ten o que a el fáltalle, non llo quere dar... en calquera destas variantes sempre atopamos o común denominador de asumir a falla e garantir así a completitude e consistencia do outro...”


Continúa a súa descrición a partires de dous elementos recoñecidos dende longa data na histeria: a procura de espectadores e a capacidade de confrontación e desafío. Ao respecto, di José María: “...a histeria quere un amo que saiba moitas cousas pero non as suficientes como para no crer que ela e o premio supremo de todo o seu saber...”


Pasa logo a neurose obsesiva, non sen advertir da artificialidade das dicotomías como psicose-neurose ou histeria-obsesión:


“...o suxeito obsesivo é un especialista en reducir o desexo á demanda, co que agarda evitar o desexo do outro... fai o posíbel para que sexa o outro quen lle pida e entrégase con esforzo a tales peticións, coma se fosen ordes... ese é un dos xeitos de conxelar o desexo pero... tamén lle prace á prohibición, facerse prohibir polo outro ata que, nos casos extremos, facer que o outro deixe de desexar...”. “...se desexa, mal asunto, porque a culpabilidade oprime pero, por se acaso, non desexa, a depresión esmágao... de aí o coidado e as precaucións que se impón para vivir...”. “...á hora de elixir está perdido, bota man de datos e rumia cálculos tortuosos que adormezan o seu desexo... prefire ser escravo e agardar na morada do labirinto...”. “...É, na súa tendencia a postergar onde revélase o seu goce, porque non é o goce o que pospón co seu

habitual “para mañá” senón que o seu goce está precisamente en esa perpetua dilación...”. “...a entrega obediente ao outro conta co regalo e coa fazaña como aparencias...”.


No capítulo II, titulado o eloxio da histeria, o percorrido histórico evoca moitas das dificultades cotiáns nas consultas e nos servizos. Álvarez afina o discurso sobre da histeria dun xeito ben distinto ao ton despectivo que acompaña a algúns profesionais (de aí o eloxio). Lémbranos que “...alí onde se albisque unha creba do saber, o poder ou a moral, atoparemos o dedo do suxeito histérico sinalando a impotencia de quen se propón como amo...”. Pero tamén, avisa, “...por que non seguir a confiar no bo criterio da histeria... logo de ser quen de poñer en xaque tantas teorías insubstanciais, de humillar aos máis vaidosos e desenmascarar aos farsantes... Grazas á súa proverbial insatisfacción, de fixo que a histeria contribuirá a poñer as cousas no seu sitio...”.


O capítulo III reflexiona acerca das relacións entre histeria e depresión.


Define o estado da cuestión como “...o desprazamento dende a histeria cara a depresión, co beneplácito de especialistas e de doentes...”. A depresión somatóxena de Kielholz é, para José María, o exemplo de como operan conceptualmente os mecanismos de transvase pero, encanto ao verdadeiro motor do proceso, non dubida en sinalar “...a depresión é o síntoma e a caricatura do discurso capitalista e científico...”


Hai elementos de converxencia que son de fondo calado e tal vez máis característicos do malestar contemporáneo “...o deprimido e o histérico son, hoxe en día, os suxeitos que representan o fracaso dos ideais modernos: “...pídesme que sexa feliz (e non podo) e que produza (e non podo)...”. velaí o histérico-deprimido capitalista.

No capítulo IV , a tristura é analizada polo miúdo ata engadir elementos á escaseza habitual (e que resume en: na consideración de afecto, no situarse no polo contrario á alegría, na confianza –encanto verdade– dos afectos e na diferenciación entre reactiva, endóxena e existencial).


Álvarez retoma o fío de escritores e filósofos para dar conta da tristura: Cicerón (e a cuestión da voluntariedade/ involuntariedade da mesma): “...é necio consumirse baixo o peso da tristeza cando non reporta proveito algún...”.


Matices da tristura son: o (“...o recordo é un dos procesos implicados e un condimento imprescindíbel... ademais da dor e da pena, o rememorar suscita a saudade e a nostalxia...”; a soidade (“...Benedetti: coa tristeza pódese chegar lonxe se un vai só...”); a creación (“...é un feito indiscutíbel que hai tristes inactivos pero tamén quen fai da súa tristeza o motor da creación... ”, “...Pessoa: escribo triste no meu cuarto tranquilo, só como sempre estiven, só como sempre estarei...”; inutilidade (xa sinalada pola tradición estoica); goce (onde cita as páxinas dos ensaios de Montaigne que anteceden á ambivalencia freudiana); mal (que engarza clínica e ética ao seren necesario consideralo no trasfondo dos sentimentos de culpa e os autorreproches); inacción (“...cando tomamos como referencia a loucura maníaco depresiva, o oposto á tristeza é a actividade –e non a euforia–... tal e como sinalan moitos teólo- gos medievais pero tamén Janet: a inacción morosa, primeira forma da depresión, lentifícase e limítase a acción aínda que non a suprime. na melancolía, a depresión máis profunda desemboca na fuxida do acto, na supresión mesma da vida...”); covardía (“...a enfermidade desculpa a responsabilidade diante dun xúbilo pola propia tristura...); mentira (“...os afectos son portavoces do engano... (se entendemos que) ...o suxeito deféndese de aquilo que lle perturba... agás a angustia, o resto de afectos emparelláronse mediante un falso enlace con representacións que non lles pertencen...”); egoísmo (“...destácanse dous ámbitos no egoísmo, dunha banda o amor

propio, o autorrecoñecemento e a benevolencia cara a un mesmo, doutra, a autocompasión e o vitimismo, máis vinculados coa tristura...).


O capítulo V procura un retrato do melancólico ao través das descricións dos clásicos: Guislain (“...a incapacidade para o facer...”), Ribot (“...a de- bilidade dos desexos...”), Griesinger ou Schüle (e a énfase na dor da alma), a división entre simple, ansiosa, estuporosa e delirante...


Álvarez sinala o coñecemento acerca dos polos esquizofrénico e paranoico das psicoses namentres que a melancolía, a pesares do pulo nas investigacións psicopatolóxicas, segue e ter un algo de enigmático.


O capítulo VI tenta estabelecer a clínica diferencial entre a melancolía e a neurose obsesiva.


“...Cando se tende a pensar en termos de categorías ou de estruturas clínicas... búscase a diferenciación máis que a comunión...”. “...adoito orientarme neste tipo de análise psicopatolóxica por un modelo alumeado por tres lámpadas: o signo, a experiencia e a función...”.


Comeza por procurar os espazos comúns entre melancolía e neurose obsesiva: “...o pecado, a culpa, as supersticións e os escrúpulos... habitan a experiencia dos doentes melancólicos e obsesivos... aínda que –segundo a psicopatoloxía tradicional– a primeira procede da magnificación dun trastorno afectivo e a segunda dunha alteración ideativa e impulsiva...”.


Álvarez procede a repasar as relacións que resume en seis: diferenzas estruturais encanto psicose (melancolía) e neurose (obsesiva), presenza de síntomas obsesivos nas psicoses, síntomas psicóticos na neurose obsesiva, complexos sintomáticos comúns, pasos dende un tipo ao outro e, final- mente, a súa propia opinión: elementos sintomáticos de tipo

obsesivo que xorden dos mecanismos destinados ao control da angustia.


Encanto as diferenzas, o retorno a Freud faise necesario na descrición precisa do melancólico e a significación última dos autorreproches “...as súas queixas son acusacións...”. Así, ao obsesivo “...venlle grande a cuestión ontolóxica da indignidade do ser, tal e como a expón o melancólico xenuíno...”. Sinala despois a importancia da “...relación co saber e a verdade... ” na distinción entre obsesión e delirio. Tamén a relación coa temporali- dade “...o obsesivo, aínda que con temor, mira cara o futuro onde proxecta seus soños... o futuro lévalle a cavilación dos posíbeis perigos que tenta controlar...”. “...o melancólico e o seu “non poder” é tamén un non poder avanzar cara ao futuro... permanece –Rovaletti– no estatismo dun suceso temporal interno...”.


Están logo as diferenzas sutís: “...non debemos buscar os aspectos cuantitativos, isto é, a intensidade da culpa así como tampouco a súa duración... as disparidades sitúanse en como o suxeito asume o sentimento de culpa e como soporta o reproche... o melancólico non anda con rodeos: doutor, son culpábel... (porén)... na escenografía do obsesivo sempre se avistan os brillos do desexo reprimido, a súa culpa cheira a desexo, os ecos das súas propias paixóns e dos que fuxe crendo que, poñendo terra de por medio, deixará de escoitalos...”.


O capítulo VII aborda a cuestión da loucura normalizada, concepto de xurde dende a clínica, na existencia de “...algúns tolos que non o parecen... ” e que desafían os modelos estruturais moi pechados pero tamén (e sobre todo) calquera definición á lixeira de normalidade (e anormalidade). A partires de aí, no capítulo VIII, Álvarez procede a unha reflexión sobre o feito do diagnóstico, da clasificación (e dos inclasificábeis) e a relación entre enfermidade e as subxectividades propias dunha época determinada.

O libro, en definitiva, vai dando conta de todas esas cuestións complicadas que xorden dende ese estar ao carón de doentes e do sufrimento, que tantas veces pasamos por alto ou, sabéndoas importantes, deixamos de prestarlles atención por non ser quen de entendelas (no mellor dos casos, claro).