diario

SISO SAÚDE 58-59

22/03/2017

 

Xa no prelo o número 58-59 do Siso Saúde!

 

Compartimos a editorial escrita por Ramón Area, Presidente da AGSM-AEN.


 

EDITORIAL

 

 

1. Non é doado discriminar unha fin de época. O intre, no social, de cambio, de aceleración, de creba, de desmoronamento ou de creación, da aparición do novo e superación do vello.

Hegel entendeu a historia como unha dialéctica eterna, onde o cambio é consustancial ao mundo ao través dunha sucesión de teses, antiteses e sínteses. Malia seren calificado como un idealista (contraposto ao materialismo dialéctico de Marx) eu sempre o vin moi xélido, como un esquema onde as persoas e os feitos teñen pouco que dicir, arrastrados por ese pulo universal cara ao enfrontamento dos opostos e á emerxencia do novo.

Quizais a fin de época exemplar, no meu imaxinario, correspóndese á Viena do alegre apocalipse (como lle chamou Hermann Broch) naqueles anos finais da monarquía dos Hasburgo. A Austria-Hungría de principios do século XX era cosmopolita, ilustrada, individualista, postromántica e cun tradicionalismo tinguido dunha extraña modernidade. Após a súa desaparición, o escritor Joseph Roth lembrou (precisamente) o mundo pluricultural do Imperio e lamentouse da emerxencia dunha nova obsesión en Europa por acadar a plena coincidencia entre as fronteiras culturais e políticas.

Este tipo de nostalxias foron moi comúns ao rematar a Primeira guerra mundial onde desapareceu por enteiro aquel mundo. Non obstante, a partires do comezo do século XX xa existía entre os vieneses unha certa conciencia de excepcionalidade histórica. Nos xornais, na literatura, nas tertulias… falábase do “baleiro da nosa época”, do “desconcerto perante o cambio de século”, dos ideais da Ilustración en colisión co nacionalismo e o romanticismo, da desconfianza fronte ao “home civilizado”, do debate entre cultura e civilización, do antagonismo –segundo Robert Musil- entre a actitude racional e os partidarios dunha mentalidade espiritual.

Nos textos desa intelectualidade centroeuropea, un sempre ten a sensación de que os autores, calquera deles, están a desexarlle unha boa fin de mundo aos seus lectores.

 

2. A historia oficial contou un fin de época chamada transición onde, dende o franquismo, instalouse a democracia. A psiquiatría tivo tamén a súa transición encadrada na historia da asistencia á saúde mental pero tamén situada específicamente no proceso político do país. Así, a reforma psiquiátrica ten polo menos estes dous referentes; un propio do oficio e outro situado no contexto social dunha determinada época.

Durante estes anos a historia da saúde mental pretendeu dar por pechada a cuestión das incertidumes, das complexidades e das tensións no oficio ata finiquitar todas as fins de épocas posíbeis baixo un novo imperio tan seguro (en aparencia) como o dos Hasburgo: o cientificismo e o xerencialismo.

O imperio permitiu agochar as inseguridades inherentes ao trato co sufrimento mental construíndo unha utopía onde o descobremento e a eficacia delimitaban o novo horizonte cara o que era obrigado camiñar. En certo xeito, foi tamén un idealismo dialéctico que transformaba as contradicións e as imperfeccións nalgo inherente á evolución histórica da teoría dominante. As dúbidas e matizacións deixáronse ao marxe (ou na marxinalidade teórica) mentres a tendencia foi a falla dun pensamento crítico, a preferencia no debate pola quietude e a superficialidade e, con carácter xeral, a aceptación da orde establecida nunha sumisión chamativa.

En xeral, unha grande parte dos profesionais non se consideraron durante décadas parte da sociedade senón técnicos nun saber obxectivo (e preto da completitude) adicado ao alivio da enfermidade ao través das súas praxes.

Houbo tamén unha diminución da capacidade de análise social, polo xeral circunscrito ao minoritario nunha psiquiatría que procurou fuxir das indeterminacións e das ideoloxías, entendendo que era algo, afortunadamente, superado. Como calquera outra disciplina científica entregouse ao formato de artigo, con palabras chaves, resumos, conclusións e factores de impacto desbotando outras formas de saber inseridas no cualitativo, no cruce de disciplinas, nas opinións que saben das súas dúbidas e nas teorías construídas dende unha imperfección da que se é consciente.

 

3. Vivimos nunha fin de época na que a psiquiatría garda o silencio de quen renunciou a dicir ren. Hoxendía o malestar da cultura propia da Viena de principios de século foi substituído polo descontento desta Europa desigual.

As palabras non son neutrais e se o malestar remitía á cultura, a que remite o descontento?

Coido que os profesionais temos unha certa sensación de estar a traballar a disgusto, de que algo non vai ben, de que o sistema ten gretas e que non acubilla axeitadamente ás persoas que atendemos. Expresamos as dificultades coas listas de espera e coa sobrecarga asistencial. Opinamos sobre os recortes e as complicaciós para traballar transdisciplinarmente. Albiscamos as esixencias que están por fóra da nosa tarefa e unha certa caducidade do rol profesional que estivemos a ocupar. Algúns chegan por fin a amosar un certo fartazgo neste saber de artigos, congresos repetitivos e desconsideración da clínica. Levábamos un tempo no que só eramos sociedade cando era o intre da reivindicación laboral ou salarial pero, aos poucos, nesta precaridade xeral, insinúase a crítica a un sistema inxusto que non se rexe polo mérito ou a capacidade senón que prefire seguir na inercia do xerárquico, da construción de castes profesionais que permitan o seu mantemento ad infinitum, das arbitrariedades nas contratacións e nas promocións dos traballadores.

A queixa é tímida e prefire ser discreta cando non pode ser claramente maioritaria. Fuxe de posicionarse nas organizacións tradicionais e constitúe unha forma de protesta que desbota a teoría e o debate preferindo a seguridade do obvio.

Estamos, por todas estas razóns, nunha psiquiatría do descontento.

 

4. O malestar foi un malestar da cultura. Os individuos estaban mal ao entenderse como suxeitos a unha cultura que esmorecía nas súas contradicións irresolúbeis.

Hoxendía a xente está descontenta, termo que procede do mundo dos negocios. Quero dicir, antes da crise, antes da sensación inespecífica de que non estamos a gusto no traballo, antes de sentirnos profesionais inxustamente tratados, antes da era da protesta e da reivindicación, da resolución da tensión hegeliana entre o vello e o novo ao través dunha síntese sorpredente (o seguro), antes da finiquitar o modelo comunitario, a intelectualidade do oficio, o decreto, o plan de saúde mental, a unidade de saúde mental como eixo do sistema, … antes de todo iso, só había unha posibilidade de estar descontento: o cliente insatisfetito.

O baleirado ideolóxico do presente deixa calquera posibilidade de disidencia susceptíbel de seren asimilada polo sistema ao través das técnicas propias dos servizos de atención ao cliente. Quizais sexa esta a dialéctica contemporánea: queixa (se son todos e con cautela), atención (se hai cartos e electores potenciais), apaciguamento (se un retorna ao estado de conformismo).

Xa dixen que Hegel sempre me pareceu un tipo moi frío. Prefiro saber do meu malestar que acubillarme nun impreciso descontento.

 

 

Ramón Area

Presidente AGSM-AEN

diario

I XORNADA GALEGA SOBRE TRABALLO SOCIAL E SAÚDE...

08/11/2017
diario

O TSXG da a razón ó ex-xefe de Psiquiatría...

28/10/2017
diario

Xornadas AGSM-Pontevedra "Sufrimento...

20/09/2017
diario

PLAN PREVENCIÓN DO SUICIDIO EN GALICIA ...

08/09/2017
diario

Festa dos 35 anos do Siso Saúde

04/06/2017
diario

XXII XORNADAS DE PSIQUIATRÍA, PSICANÁLISE E...

03/05/2017
diario

O primeiro Inter-nós e o primeiro Siso

26/04/2017
diario

A FESTA DOS 35 ANOS DO SISO SAÚDE

07/04/2017
diario

SISO SAÚDE 58-59

22/03/2017
diario

XXVII JORNADAS NACIONALES SALUD MENTAL AEN...

16/03/2017
diario

III Xornada de Psicopatoloxía e Cultura ...

25/02/2017
diario

SEMINARIOS DE ORIENTACIÓN DE CASOS

22/02/2017
diario

COMUNICADO DA AGSM-AEN SOBRE A XEFATURA DE...

21/12/2016
diario

"AS DECLINACIÓNS DA LOUCURA" ACTO DE CLAUSURA...

20/11/2016
diario

"AS DECLINACIÓNS DA LOUCURA" II XORNADA DA...

19/11/2016
diario

II XORNADA AGSM-AEN "AS DECLINACIÓNS DA...

23/10/2016
diario

IV Jornadas Interautonómicas de Salud Mental...

15/10/2016
diario

XXI XORNADAS DE TRASALBA: PSIQUIATRIA,...

29/05/2016
diario

XXI XORNADAS DE TRASALBA: PSIQUIATRIA,...

11/05/2016
diario

XXVI Jornadas Nacionales de la Asociación...

23/04/2016
diario

COMUNICADO DA AGSM-AEN EN RELACIÓN A ...

13/04/2016
diario

SISO SAÚDE 56-57

07/04/2016
diario

XIII JORNADAS DE LA OTRA PSIQUIATRÍA "EL...

22/03/2016
diario

II XORNADAS DE PSICOPATOLOXÍA E CULTURA...

20/03/2016
diario

SEMINARIO DE ORIENTACIÓN DE CASOS "VERSIÓN...

17/03/2016
diario

Conclusións I xornada AGSM-AEN

14/12/2015
diario

I XORNADA DA AGSM-AEN "DO QUE ESTÁ EN CRISE"

14/09/2015
diario

PRAZOS I XORNADA DA AGSM-AEN

06/10/2015
diario

FOOLMAKERS

19/09/2015