A Asociación Galega de Saúde Mental-AEN en relación a problemática dos sen teito da cidade de Compostela manifesta:
-Estamos a seguir con fonda preocupación as informacións que se están a publicar nalgúns medios de comunicación en relación á asistencia de persoas sen fogar das que se refiren problemas de saúde mental e adicións.
-Un dos aspectos que maior inquietude nos causa é o que atinxe ás suxestións de intervencións coercitivas. Aínda que existen figuras xurídicas para a protección das persoas con dificultades psíquicas, sempre deben contemplarse dende a excepcionalidade, respectando a lexislación vixente sobre os dereitos das persoas e dentro do contexto dun plan individualizado sociosanitario.
-Debemos contradicir as mensaxes sobre da inutilidade das abordaxes psicosociais e lembrar que existen problemáticas complexas para as que non existen solucións inmediatas e que poidan evitar a singularidade de cada caso.
-Os modelos asertivo-comunitarios están recoñecidos no saber da saúde mental como axeitados para este tipo de intervencións. Existen experiencias frutíferas e de longa data noutras cidades e países, así como profesionais en Galiza con formación e experiencia laboral neste eido da saúde mental.
-O artellamento entre o social, o asociativo, o voluntariado e o sanitario é o fundamento dun traballo multidisciplinar que adoita ser necesario para unha correcta abordaxe deste tipo de problemáticas. Nesta liña, consideramos necesario que o servizo galego de saúde favoreza e se implique na incorporación dos clínicos en saúde mental aos equipos de atención aos sen fogar.
-Por último, queremos tamén destacar a ausencia dun Plan estratéxico de saúde mental (o último foi estabelecido para o período 2006-2011) que aporte coherencia, deseñe procesos asistenciais, valore necesidades e implemente recursos.
Xunta directiva da AGSM-AEN
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016.
Descargue aquí o comunicado en PDF