Logo de enviar carta ás autoridades sanitarias, a AGSM recibiu resposta no día de onte. Comunicamos aos nosos asociados o novo escrito que lle diriximos.
Moitas grazas pola pronta reposta.
-Como sabes, somos unha asociación profesional na que os seus integrantes, maioritariamente, se dedican ao traballo clínico no sistema público. Ese é o lugar dende o que falamos e no que, ao longo de estas dúas últimas semanas, botamos de menos nos servizos un diálogo que permitira identificar as necesidades, os escenarios máis problemáticos no futuro e o establecemento dunhas liñas máis específicas no eido da saúde mental.
-No inicio das situacións de crise adoitan aparecer moitas iniciativas de axuda, ás veces dende un afán excesivamente intervencionista e ou dende a pura necesidade que temos os seres humanos de “facer algo”. Por iso é importante unha coordinación que aposte por unha correcta filosofía asistencial, que saiba conter a angustia dos profesionais (que tamén somos poboación afectada pola situación) e que estableza os mellores xeitos de traballar (hai literatura abondo sobre a crise). Por iso parécenos moi acertado que o grupo de emerxencias canalice as cuestións referidas ao confinamento dos cidadáns e ás dificultades dos traballadores. Sobre esta cuestión, debería proporcionarse unha mellor información aos clínicos que traballamos na rede e valorar, se fose preciso, a incorporación de algúns deles a estas actividades asistenciais (de ser preciso), se queremos evitar esa fractura que aparece en ocasións entre os equipos de intervención en crise e a rede asistencial normalizada que, cando todo remate, será a encargada de continuar cos procesos de tratamento.
-A rede de saúde mental conformada dende as diferentes asociacións e colectivos leva anos traballando dun xeito moi dispar, con culturas de funcionamento moi distintas. Proporcionaban coberturas a usuarios e familias que ían dende ocupacional, o educativo, o laboral, as cuestións residenciais ou alimentarias, a suplencia dos apoios… en fin, todo un tanto confuso. A emerxencia sanitaria na que estamos levou, polo tanto, a suspender cousas moi diversas e por iso é preciso mudar cara a unha definición e unha coordinación maior que implique poñerse a traballar nas cousas máis básicas (apoio, vivenda, alimentación, contacto cos servizos sanitarios). Cando dende os dispositivos da rede se identifique unha necesidade neste eido, debe estar claro con quen falar, sobre que falar e que resposta agardar. E vivecersa. Cando dende a rede máis social se identifiquen necesidades sanitarias, o sistema debe proporcionar unha resposta clara. No caso contrario corremos outro dos riscos identificados con frecuencia nas situacións de emerxencia: a terra de ninguén. O concello de Santiago, por exemplo, canalizou as demandas diarias da xente en illamento ou nunha situación de dependencia/soidade ao través dun número telefónico, o 010. Que tamén se poida recoller a demanda de algúns usuarios da saúde mental ou que a rede das entidades asociativas poidan incorporarse como axente de resposta dende esa mesma ventá de entrada ao sistema, poderían cumprir coas condicións de coordinación e claridade da que estamos a falar.
-Os doentes con trastorno mental grave serán uns dos maiores prexudicados pola crise. E non por unha cuestión de enfermidade ou de síntomas, senón por esoutra cousa que involucra a pobreza e a precariedade social. Por iso parécenos un punto relevante sobre o que é preciso que esta asociación fale. Como te sinalábamos no anterior correo, preocúpannos moito os hospitais psiquiátricos, nomeadamente o de Conxo. Todos, durante estas dúas semanas, tomamos decisións nas que estaban involucradas saúde e ética. Os profesionais da saúde mental, en xeral, fixérono dende o seu sentido común e ao través das conversas entre nós. Porén, creo que ese tempo debe dar lugar a outro xeito de funcionar, máis organizado, máis meditado, xurdido dende unha posta en común e canalizado ao través do sistema de saúde . Non estamos reclamando un amo que nos libere das nosas responsabilidades, pero tampouco pode ser que non haxa ninguén ao mando da nave e prosigamos sen estruturar mínimamente nada. Atendemos cidadáns ingresados, ás veces dun xeito involuntario, pero que teñen que cumprir o decreto de confinamento. Son usuarios que en moitas ocasións teñen problemas físicos sobreengadidos. Son pacientes que residen nun lugar con carencias. Son persoas que residen nunha institución e para as que compre ter claro os distintos procedementos que se teñen establecido para a sospeita ou a confirmación de infección. Estes condicionantes son precisamente os que nos obrigan a definir que clase de asistencia imos outorgar, como imos manexar estes dilemas e baixo que paradigmas de saber. Dun xeito semellante, aqueles doentes atendidos por dispositivos como os equipos de continuidade de coidados, os pisos protexidos ou os centros de día presentan necesidades e dilemas semellantes. O que antes valía para manterse (precariamente) na comunidade, hoxe xa non vale e son asuntos para os que hai que considerar solucións posíbeis ás que eles se poidan acoller.
-Agardamos que os plans de continxencia dean resposta a estas cuestións que estamos plantexando: a valoración conxunta dos problemas, a coordinación en cada unha das grandes liñas de traballo que se nos presentan, a resposta fronte aos dilemas dende unha filosofía asistencial que respecte dereitos e cubra as necesidades básicas, e a previsión e diante das continxencias que, por desgraza, nos agardan dos vindeiros días.
Un saúdo,
Asociación galega de saúde mental.